domingo, 11 de marzo de 2007

Queres asinar?

Se queres asinar esta Carta Aberta a Anxo Quintana, envianos un correo co teu nome, apelido e DI a: cartaaberta_anxoquintana@yahoo.es
Fica aberta esta Carta a todos e todas os simpatizantes e militantes do BNG, porque se o teu voto vale, a túa opinión debe poder contar. No seu momento esta Carta será remitida directamente ao compañeiro Anxo Quintana para a súa refexión.
Grazas polo voso apoio e a vosa solidariedade.

Respectar ás minorias para gañar á sociedade

O pluralismo interno é un valor no BNG cuxo significado vai máis alá dunha formulación meramente teórica. Para unha forza política con aspiracións a ser maioritaria na sociedade, o respecto efectivo ás minorías é fundamental por tres razóns:
1. Porque é o exemplo do modelo social e cultural da Galiza do futuro, onde todos e todas debemos ter cabida independentemente da nosa filiación política e ideolóxica, onde mesmo os non nacionalistas han compartir dereitos e obrigas con nós para a construción do noso país.
2. Porque o noso modelo organizativo está así concibido, admitindose a presentación de listas diversas que responden a sensibilidades diversas. Así se plasmou na última Asemblea Nacional, sendo considerado como unha riqueza e non unha debilidade do BNG.
3. E finalmente, e o máis importante, porque a mesma formulación dos Dereitos humanos individuais sempre debe preceder a calquera consideración de carácter colectivista. Isto é unha esixencia que toda a sociedade e non só BNG debe apoiar: todo deterioro destes principios en calquera lugar inicia a pendente que nos leva ao totalitarismo.O BNG iniciou un proceso de expulsión dun dos nosos afiliados. Primeiramente, votou a súa consideración de "militante de segunda" (sen posibilidade de acceso a cargos) en razón da súa pertenza a unha asociación legal e democrática, - ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL - que, como o seu nome indica, busca a amizade e a concordia entre os pobos. Dita purga vén motivada por unha lectura maniquea e unilateral dun conflito complexo e difícil; e é un atallo do colectivismo que viola os artigos 18,19 e 20 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que contradí o principio do pluralismo e respecto ás minorias, situándonos nun novo escenario dentro do BNG:
1. Aniquila o sistema organizativo e representativo do que nos dotamos, e substitúeo por un sistema de purgas e imposicións de maiorías circunstanciais que crea inestabilidade e medo á depuración como novos principios organizativos.
2. Desmobiliza e retrae os nosos apoios sociais que observan eses novos principios organizativos de depuración como a pauta a seguir por un futuro BNG maioritario.
3. Converte unha determinada opinión de análise política internacional en filtro de pertenza plena á organización. A ideoloxía que resulta do filtrado é que o "antiimperialismo" que di defender o BNG renuncia ao acervo democrático occidental Ademais o antiimperialismo non debería estar por riba do pluralismo político, da liberdade de expresión e do dereito á discrepancia pública.É por iso que chamamos á solidariedade dos nosos compañeiros e compañeiras, dos nosos representantes institucionais e políticos, e mesmo de toda a sociedade para amparar un dereito humano e democrático. Reivindicamos o respecto ás minorías en favor de toda a sociedade galega.